Monday 06 de May de 2024

O concello de Ribeira renovará os parques infantís de A Capela, Parte ao Río e Pedra Pateira


O Concello de Ribeira ven de adxudicar a renovación do Parque Infantil de A Capela e mellora do parque de Parte ao Río, cun orzamento de 179,566 euros, así como a renovación do parque infantil Pedra Pateira cun orzamento de 171.831,47 euros. Estas obras executaranse nun prazo de dous meses.

O parque de A Capela desmontarase por completo e desprazarase a un lateral da pista no que está situado, creando unha superficie de xogo mais ampla na que se instalarán novos elementos de xogo. En toda esta superficie disporase un pavimento de caucho continuo e unha cuberta téxtil, soportada por unha estrutura metálica, que protexerá o parque e permitirá o seu uso con independencia da situación climatolóxica. No parque de Parte ao Río tamén se pavimentará toda a superficie con caucho continuo.

No parque de Pedra Pateira executarase unha liña de pluviais para evitar a acumulación de auga superficial, relizaranse novos camiños accesibles de entrada ao parque e tamén se procederá á instalación de novos xogos baixo unha nova capa de caucho e unha nova valla perimetral.

“A mellora dos parques infantís é un aspecto crucial para o desenvolvemento e benestar da veciñanza” explicou o alcalde de Ribeira. “A mellora destas instalacións garantirá uns espazos, accesibles e propicios para o exercicio físico, contribuíndo así á saúde e benestar xeral dos nenos e nenas”.